CRÓNICA – FESTIVAL A CANDELORIA 2016 (LUGO)

4 años hace escrito por

 

A III Edición d’A Candeloria, e a máis ambiciosa ata o momento, conseguiu reunir por segundo ano consecutivo a milleiros de persoas no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, consolidando o proxecto iniciado fai xa tres anos por dous universitarios lucenses nun pequeño piso de Santiago de Compostela. Esta nova edición reafirmou a idea inicial que deu pé ao festival: situar a Lugo no mapa festivaleiro galego e estatal, dignificando o mesmo tempo a cultura galega en xeral e a súa música en particular. Ao longo de dous días, as marxes do río Miño vironse contaxiadas polo bo rollo e ambiente festivo irradiado polo evento, animado este en gran medida polo bo facer da organización e os hosteleiros da Calzada Romana (tapas e pinchos, música na rúa, etc.) así como polo magnífico tempo que acompañou ás dúas xornadas do festival.

Venres 19 de Febreiro

Seguindo a línea que imperou para a meirande parte dos concertos desta edición, poucos minutos despois das 21:00 horas saltaban ao escenario Habelas Hainas, inaugurando desta maneira A Candeloria 2016. Os seus enérxicos e orixinais temas, cuxo punto de partida é a música tradicional galega, serviron de efecto chamada para todos aqueles rezagados que ou ben remataban de montar as súas tendas de campaña para a noite ou ben apuraban uns derradeiros tragos nos exteriores do recinto. Mentras o número de persoas que se agolpaban fronte o escenario aumentaba, este grupo de multiinstrumentistas deleitounos con temas tales como “O Himno das Mulleres”, deixando claro a condición feminina e plural da formación.

Tras unha hora de concerto, chegou o turno de Aspencat. Era esta a primeira vez que os considerados sucesores de Obrint Pas pisaban terras galegas, e non defraudaron. Con temas dos seus tres últimos discos, fixeron as delicias do público grazas a súa mestura de ska, reggae, drum and bass e dubstep, aproveitando algúns destes temas para levar a cabo varias reivindicacións sociais. Foi o caso de “La distància” e “Antimatèria”, coas cales denunciaron, respectivamente, a actual situación dos inmigrantes en Europa e o trato recibido polos titiriteiros recentemente encarceados e posteriormente liberados pola representación dunha obra teatral no Concello de Madrid, aos cales reiteraron o seu apoio mostrando unha pancarta co mesmo eslogan que deu lugar a súa detención.

Os siguintes en pasarse polo escenario d’A Candeloria foron os Narco. Con eles, o metal e o rock fixeron a súa posta en escea nesta edición 2016, sen esquecelo rap. A través de temas do seu último disco Dios te odia e outros clásicos como “Tu Dios de madera”, “Ambiente Cadáver” o “La puta policía” (co que pecharon o seu bolo), conseguiron dar un toque salvaxe á noite do venres, facendo desfrutar co seu incrible son e estilo propio os seus centos de fans (e non tan fans) alí presentes.

Poucos minutos pasada a unha e media da noite saían ao escenario os compoñentes de ZOO. Co seu son baseado na combinación de rap, hip hop, rock e ska, mesturados estos con ritmos electrónicos, fixeron d’A Candeloria unha festa. O seu álbum Tempestes vénen del sud acaparou gran parte dos temas que se escoitaron por Lugo, tendo tempo a colarse entre eles a versión levada a cabo con Oques Grasses da canción “Camins” de Obrint Pas, incluida no seu último disco. Por outro banda, ao igual que fixera previamente Aspencat, os valencians no desaproveitaron a oportunidade de denunciar a situación vivida polos titiriteiros en Madrid e reivindicar, nesa misma liña, a liberdade de expresión en todas as súas vertentes.

A continuación chegou o turno de NAO, posiblemente o concerto máis agardado da xornada inaugural do festival. Tras un parón compositivo de case catro meses, A Candeloria era anunciada como o lugar elexido polos estradenses para presentar o seu novo disco 3.SOÑAR. Finalmente, esto último non sucedeu, pero iso non evitou que todos os alí presentes desfrutaran con temas tan agardados e aclamados polos seus seguidores nas redes sociais os días previos ao festival. Foi o caso de “Porque este soño é necesario para un soño”, canción empregada por Nós Candidatura Galega como spot de campaña para as últimas eleccións nacionais, coa que deron comezo a súa actuación. Posteriormente tamén houbo tempo para “Cartas no caderno” e “Venceremos nos” ademáis doutros dos seus famosos temas como “Heroes da resistencia” (coa que denunciaron a manipulación dos medios) ou “Os vampiros”, magnifica versión, chea de enerxía e significado, da canción de Zeca Afonso, convertida xa nun auténtico “hino” do rock en galego.

Para pechar o venres, Familia Caamagno encargouse de facer bailar a A Candeloria a ritmo de rhythm and blues e rock’n’roll. Temas como “O ritmo da caverna”, “Fodín cos pés no río” ou “Surfistas nazis” fixeron saltar e menear as cadeiras ata a luxación total a golpe de cinco da madruga. Coa xa tradicional “Festa a Dios” encargáronse de poñer punto e final a casi nove horas de música ininterrumpida nesta primeira xornada do festival.

A festa continuou posteriormente no hall do Pazo de Congresos, onde un DJ foi o encargado de amenizar a velada ata altas horas da madruga do sábado.

Sábado 20 de Febreiro

O segundo día do festival, e o máis ansiado para moitos dos asistentes, comezou cedo; cedo dende a perspectiva festivaleira. Pois ás 14:00 horas moitos corpos resacosos levantáronse das súas respectivas tendas, dispostas nos dous pabellóns habilitados para tal celebración, e peregrinaron cara o escenario coa intención de curar a resaca da noite anterior cun bo vermut e sobre todo, co concerto de Poetarras que foi capaz de despertar a toda a xente e insuflar a alma festeira necesaria para aguantar un día como o que viña por diante. Como é propio de este grupo, a música e o humor máis retranqueiro estiveron presentes ao longo de todo o concerto. As súas versións de temas pop trasladados á situación sociopolítica galega, xunto con temas propios moi pegadizos, levaron a que enseguida os neófitos deste grupo puideran seguir os retrousos de moitas das súas cancións. Temas como “Hasta la diglosia siempre”, “Feijoo”, “Eu (non) ou “Eta é moi mala”, canción a que por certo serviú como alegato a prol da liberdade de expresión e para recriminar a encarcelación dos dous titiriteiros en Madrid por facer unha suposta exaltación do terrorismo.

Logo de que os Poetarras cumpliran a súa función, o Sol puxo da súa parte e trouxo un sábado primaveral que iluminou e quentou as beiras do Miño. Con iso, moitos candelorios ocuparon o paseo fluvial dende As Insuas até a Ponte Romana enchendo estes espazos da alegría festivaleira que a noite anterior se concentraba tan só no interior da Feira de Exposicións. A partires das 16:00, os cantos de taberna amenizaron os bares da calzada e a xentalla toda se concentrou nese pequeno espazo que discorre entre a porte da N-6 e a Ponte Romana. Os bares ateigados serviron copas e cervexas entre o son de pandeiretas, gaitas, pandeiros e desafinadores profesionais que nalgúns casos puideron “taladrar” algunha cabeza xa bastante” taladrada”. Tamén deron alegría e ganancia aos bares desa zona de Lugo que por certo, estase a converter nestes últimos anos nunha das máis atractivas da cidade, tanto pola súa situación xeográfica como polo ambiente xuvenil e bohemio que nela se concentra.

Trala tarde de troula e co Sol xa camiño de América, toca volver a entrar no recinto, esta vez para ver a Ataque Escampe. O concerto comezou sobre ás 20:00 horas e por razóns que non coñecemos, non puideron tocar todo o que lles gustaría. Como ocorría o día anterior con Habelas Hainas, este concerto foise enchendo paulatinamente e enfocouse máis como unha recepción de “candelorios” que coma un concerto estrela. Pese a iso, o grupo non defraudou e se ben foi bastante tranquilo, o público asistente non puido deixar de virse arriba cando soaron cancións como “Festa Malandrónica” ou “A cabana do tío Tom”. Pese a pouca duración deulles tempo a presentar dous temas “Alan Lomax” e “Papá Borracho” que presentarán nestes próximos meses e que, como é común neste grupo, colgarán na rede un videoclip que seguramente manterá o nivel de calidade ao que nos teñen acostumados.

A partires das 21:00 a senlleira banda couñesa Os diplomáticos de Monte Alto trouxeron o Mar até as beiras de Lugo coa súa combinación de rock, ska e música tradicional; iso que se lle ven a chamar bravú por tratarse un rock galego “sen castrar” e que todo o mundo debería de gozar polo menos unha vez na súa vida como credencial para opter o título de festeirx.
Cancións da infancia para a Xeración Xavarín foron cantadas a coro polos milleiros de persoas que ateigaban a nave de exposición do gando. “Oda o futbolín” “Atún” “Nordés” ou “Ghaiteiro” son algunhas das coñecidísmas pezas que soaron nesta verbena que eles montaron a golpe de baixo e acordeón. Constátese o arraigo e enerxía que ten este grupo dentro da música galega e sobre todo a súa vitalidade capaz de encher os escenarios e a causar a mesma expectación de sempre. Como dato curioso, cantaron o “Hino de Lugo” peza curta pero ben querida pola xente desta cidade que xa foi dada a coñecer fai dous veráns polos Tres Trebón, e que como en todas as ocasións nas que Xurxo Souto, cantante de ámbolos dous grupos, comeza a cantala, toda a xente do público segue con entusiasmo.

Ás 23:00 h tocáballe o escenario ao que para moitos era o grupo estrela. S.A. (Soziedad Alkoholika). Milleiros de persoas se concentraron na nave do recinto ferial, e polo que puiden ouvir entre os asistentes que repetían nisto da Candeloria, era o concerto no que máis xente viran. Algúns até acababan de chegar só para ver este concerto, polo que as expectativas eran grandísimas.

Pois ben, como se dunha broma de cámara oculta se tratase algo fallou no escenario. A primeira canción foi suspendida por mor dun xerador, uns cables….problemas técnicos en xeral. A xente incrédula permanecía a espera e outros desesperados, procuraban pedir explicacións a unha organización que, como é comprensíbel, procuraba unha solución no medio do caos e os nervos.

De súpeto e sen saber cómo, os membros de S.A saíron ao escenario e avisaron que tocarían até que aquilo aguantase. Afortunadamente aguantou todo o concerto e os seguintes o que deixou o parón de menos de media hora no que escribín antes, unha broma.

A profesionalidade deste grupo euskaldun non só se manifestou na súa música senón neste detalle tanto cara a organización como sobre todo polos milleiros de fans que os esperaban. O seu hardcore reivindicativo retumbou ao longo do edificio nun concerto espectacular. Ao igual que con Diplomáticos, este grupo ao que os seus fans coñecen a case totalidade das súas cancións, non defraudaron a hora de tocar temas como “Perra Vida”, “Política del Miedo”, “Piedra contra tijera”, “Peces Mutantes”, “Cuando nada vale nada” para finalizar con multitudinario “Motxalo”.

Cancións reivindicativas sen consideración nin vaselina, que nestes tempos non conveñen esquecer nin tampouco disimular. A violencia descarnada das cancións de S.A non son máis que un recordatorio da violencia que sufre a nosa sociedade día a día nun sistema que nos abafa e nos manipula pero que sobre todo nos acaba matando.

O seguinte grupo foi El Último Ke Zierre, punk dende Castellón que non defraudou aos seus fans, pois tocou todas as cancións “míticas” de esta mítica banda. Repasáronse temas dalgúns dos seus discos máis coñecidos: “Veneno” e “Senderos de este infierno”. Así, o público asistente que seguía “on fire” pese a tralla de S.A, repetiu a coro cancións como “Tu me vicias”, “Tus bragas”, “Cuchillas” ou “Hasta que pierda la voz”. Isto último como lle ocorreu a un servidor.

O festival non rematou nese momento, aínda quedaba festa a esgalla. O rock continuou cos galegos Zenzar, que por certo, ao igual El último…, levan nos escenarios dende 1987 o que os sitúa nun dos pilares da música galega moderna e nunha das bandas máis senlleiras do noso país. Temas como “Todo vai ben”, “Tiven un bar” “Camiñando entre serpes” ou a versión do poema “Nimbos” de X.M. Díaz Castro titulada “Cortina”.

O final dos concertos, que non da festa, foi amenizado polos navarros Vendetta que a ritmo de ska conseguiron facer brincar aos asistentes, pese a que a desercións xa se ían facendo patentes. Pois xa pasaba das catro da mañá e como vimos, a festa comezara moi cedo. Cancións como “Leña al fuego” ou “Begitara Begira” canción en Euskera que reivindicaban a identidade de Nafarroa dentro de Euskal Erria.

Esta terceira edición d´A Candeloria cumpriu coas expectativas marcadas, e non era sinxelo. Pois se trataba dun festival moi ambicioso. Non podemos esquecer que se trata de Lugo en pleno inverno, con todos os seus pros e numerosos contras. Sen embargo, este festival constata que esta cidade é capaz de albergar este tipo de iniciativas tan necesarias; que axudan a consolidar e potenciar a escena musical galega. Brindando tamén, a posibilidade de desfrutar de grupos procedentes de todo o Estado, dende unha óptica reivindicativa e sobre todo festeira.

Se a festa da Candeloria celebraba a fin do Inverno e a chegada da Primavera; a día de hoxe, pese ao cambio climático, podemos dicir que este Festival marca un fito no calendario musical no noso país e cada vez máis noutros rincóns do Estado. Que traia a Candeloria mil primaveras máis!.

Fotógrafa: Anuska Trastoi

Redactores: Alvaro Pardo y Alejandro Pardo

Article Categories:
Crónicas
banner

Los comentarios están cerrados.