“EN GALEGO” MOMENTOS ALHAMBRA 10 DE 10 NA SALA MALATESTA

1 año hace escrito por

 

Dez cidades, dez concertos, dez momentos Alhambra. Baixo esta premisa a compañía cerveceira está a patrocinar unha xira de concertos xunto Radio 3 por toda a xeografía estatal apostando por traer interesantes propostas cos novos sons do momento. Dentro do marco da programación do evento, retransmitíuse o mítico programa “Hoy empieza todo” de Ángel Carmona dende a compostelana facultade de Ciencias da Comunicación, e contou coa presenza de Carlangas de Novedades Carminha, Os amigos dos Músicos entre outros convidados.

A noite xa foi outro cantar. Logo do empacho festivaleiro do verán, comeza un novo curso, unha nova estación e unha nova tempada de concertos en salas, espazos onde se lle da máis protagonismo á música e menos ao postureo. Xa tiñamos ganas de voltar á Sala Malatesta, vestida de gala para esta ocasión especial, con cordón de terciopelo vermello e paneis luminosos do evento. Puidemos apreciar un espazo cheo dun público do máis variado, que ía dende millenials a xente máis entrada en anos mirando atentamente ao grupo revelación da tempada, Carolina Durante. A banda madrileña pese a contar só con dous EP´s publicados (“Examiga” e “Necromántico”) xa conta cunha boa lexión de fans grazas ao seu punk desenfadado, bebedor dos primeiros Siniestro Total, Los Nikis e demáis bandas da movida madrileña. A pesar de que o seu cantante viña coa voz algo tocada, deixaron corpo e alma no escenario para animar ao público, cunha actitude atrevida e fresca, mesmo co batería dándolle caladas ao seu cigarro electrónico entre tema e tema. Puidemos escoitar entre outros temas “Niña de Hielo”, “En verano Ornitofilia” ou “Cayetano”, a “canción famosa” como eles presentaron, que puxo a sala patas arriba. Carolina Durante despedíronse con “Noche de los muertos vivientes” aínda que logo puidemos velos facendo pogo nos seguintes concertos.

Logo dun puntual cambio, chegou a escena o grupo barcelonés Cala Vento. Este dúo deixounos con moi bo sabor de boca logo da súa actuación teloneando a Dorian nas festas do Apostolo do ano pasado, e viñamos con ganas de desfrutalos nunha sala. O concerto comezou tranquilo coa coreable “Hay que arrimar” para logo dar paso á súa vertente máis intensa, cun Joan guitarreando a máis non poder e un Aleix golpeando a batería como se se tratase do seu peor inimigo. Logo de presentar en 2017 o seu aplaudido “Fruto Panorama”, desta volta volven a Galicia presentando “Canciones de Sobra” , un 10” que segue a liña do seu anterior traballo, misturando esa raiba guitarreira coa sensibilidade do pop. Cun público moi metido no concerto, Cala Vento soltaron temazo tras temazo e mesmo foron quen de crear varios pogos. “En cueros”, “Antes de el” ou “Historias de bufanda” e especialmente “Isla Desierta” foron coreadas por todos os asistentes da Sala Malatesta. “Estoy enamorado de ti” servíu de despedida, polo menos momentánea.

Para rematar a festa, quen mellor que os galegos Disco las Palmeras!? A banda sarriá volveu a Compostela logo de 3 anos sen pisar a capital galega para presentar o seu último disco “Cálida”, traballo no cal se alonxan un pouco do seu noise e shoegaze característico para dar paso a unhas cancións con melodías máis cantables. Deste disco puidemos escoitar precisamente temas como “Bestia”, “Inútil” ou o single “Hoy” misturadas con clásicos máis atmosféricos do calibre de “Asfixia”, “Tarde y Mal”, “Utra” ou “Sección de autoayuda” onde o alto volume axudou a crear un ambiente propicio para as cancións. No fin de festa, os Cala Vento animáronse a subir de novo ao escenario para facer coros con Disco las Palmeras! e poñer a guinda final a unha noite xenial, que deu a benvida ao outono e marca o inicio dunha das cousas que máis nos gustan, a música ao vivo en salas.

 

Fotógrafa: Gloria López

Redactor: Miguel Duarte

Article Categories:
Crónicas
banner

Los comentarios están cerrados.